A representante do xurado, Noelia Bellas, destacou que “este é un concurso maravilloso no que a finalidade é pasalo ben”. A representante da Xuntanza de Empresarios de Ames, Bea López, engadiu que “XEA como sempre participará agasallando con vales para dinamizar o comercio e fomentar o comercio de Ames”.
IV concurso Canta con Ames
O concurso Canta con Ames está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Ao certame poderán presentarse cantantes afeccionados/as. Como novidade, este ano poderán presentarse profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo. Existen catro categorías: persoas ata 17 anos; persoas a partir dos 18 anos; dúos e tríos, de calquera idade; e profesional.
As persoas que desexen participar deben enviar un vídeo con audio, en formato mp4 coa interpretación sen base vocal orixinal, de non máis de 1 minuto ao enderezo electrónico amesnarua@gmail.com. Ademias, haberá que enviar o impreso de inscrición cuberto e asinado (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais), e acompañado dos documentos requiridos no propio impreso, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poderán facelo de maneira presencial nas oficinas de rexistro do Concello de Ames e demais entidades previstas no artigo 16.4 da LPACAP. As inscricións poderanse realizar ata o 1 de xullo. O 8 de xullo comunicaráselle por correo electrónico, a todas as persoas que se teñen presentado, a condición de candidatos ou non candidatos para as seguintes fases.
O concurso tamén contará, un ano máis, coa participación da Xuntanza de Empresarios de Ames e a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, que colaborará con vales para gastar no comercio local.
Fases do concurso
O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección: o 12 de xullo, ás 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro; e mailo 13 de xullo, tamén ás 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas, cinco por categoría (no caso de que algunha das categorías quede deserta, o número de semifinalistas noutras categorías poderá incrementarse ata cubrir o total de 20 persoas).