Un 8M de reivindicación e alerta ante o retroceso na mocidade
Malia os avances conseguidos, a preocupación polo retroceso nos valores da mocidade é unha realidade que tamén se puxo sobre a mesa durante a entrevista. «Estamos vendo condutas preocupantes nos máis novos. Hai rapaces que consideran que controlar a súa parella é unha mostra de amor, e iso é algo que temos que combater dende a educación», alertou a concelleira.
Irene Rodríguez Ferradans, que é mestra de educación física en primaria, tamén coincide en que certos comportamentos machistas seguen presentes: «Ás veces escoitas comentarios de nenos moi pequenos e pregúntaste de onde veñen esas ideas. As redes sociais teñen moita influencia, e os contidos que consumen non sempre promoven valores igualitarios».
Por iso, no Concello de Vedra tamén se aposta por iniciativas de sensibilización en centros educativos. «A escola é clave, pero tamén o é a educación no fogar. A igualdade ten que empezar nas casas», concluíu García Lema.
Ademais da área de igualdade, a concelleira tamén destacou o papel dos servizos sociais no concello. «A maior parte dos recursos municipais destínanse a servizos sociais, porque hai moita xente que precisa apoio», afirmou. A través do Servizo de Atención no Fogar (SAF), do voluntariado e da atención a situacións de emerxencia, o concello traballa para garantir o benestar da súa cidadanía.

No ámbito da violencia de xénero, o Centro de Información á Muller (CIM) segue sendo un recurso clave para ofrecer asesoramento legal, psicolóxico e social ás mulleres en situación de vulnerabilidade. «Temos un equipo magnífico con educadoras sociais, avogadas e psicólogas, e sempre insistimos en que calquera muller que precise axuda pode acudir a nós», destacou García Lema.
O Concello de Vedra continúa así coa súa aposta firme pola igualdade de xénero, combinando recoñecemento, educación e sensibilización. «O 8M é unha data necesaria, pero o compromiso coa igualdade ten que ser diario», afirmou García Lema.
A homenaxe ás mulleres da banda de música de Santa Cruz de Ribadulla é unha mostra máis de como a historia se constrúe día a día, con pequenos pero importantes avances. Como di Irene Rodríguez Ferradans: «Fixemos historia sen sabelo, e oxalá as nenas de hoxe non teñan que preguntarse se poden ou non poden estar nun determinado espazo. O mundo é de todos e de todas».
A entrevista completa, no seguinte enlace.