Na mesma sesión da Xunta de Goberno aprobouse o expediente que ten por obxecto a licitación do Servizo de mantemento do software de xestión integral de usuarios de Servizos Sociais cun orzamento base de licitación de 66.598,40 € (base impoñible de 56.918,40 € máis IVE do 21% de 9.680,00 €) e coa seguinte desagregación: 2.371,60 € (2025); 38.139,20 € (2026); 26.087,60 € (2027).
Este software permite a xestión integral dos servizos sociais comunitarios a través dunha serie de módulos totalmente configurables e que aglutinan a totalidade dos traballos que se realizan no ámbito da área social. Inclúe, tamén, o soporte ás peticións que desde os servizos sociais se realizan para adecuar a ferramenta ás súas necesidades e á lexislación vixente, así como a mellora da integración con outras ferramentas municipais. Ábrese agora un procedemento negociado sen publicidade de adxudicación.
Tamén se aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago de Compostela e a Asociación do Traxe Galego por importe de 20.000 euros. A actividade obxecto do convenio é a celebración do 30 aniversario da asociación, que comprende unha exposición de indumentaria popular galega, unhas xornadas arredor do traxe, faladoiros e obradoiros celebrados en centros cívicos e culturais de Santiago, unha actividade titulada ‘O traxe para os peques’ e unha exposición de cartaces e fotografías.
Na mesma sesión autorizouse a revisión de prezos do contrato mixto de subministración e servizos enerxéticos do alumeado público exterior, solicitada pola UTE SANTIAGO ALUMBRADO, adxudicataria deste contrato segundo o acordo da Xunta de Goberno do 11 de abril de 2023.