Restauración dixital
A análise material da figura, xunto cunha investigación sistemática en arquivos fotográficos históricos, permitiu documentar os extensos danos que sufriu, tanto na cabeza, acentuados polo ritual dos “croques”, como, especialmente, na súa parte inferior, onde se encontraba unha das zonas máis elaboradas do seu deseño escultórico e que experimentou roturas y unha constante disgregación do granito.
Unha das fotografías tomadas nos años cincuenta, antes do inicio das escavacións na nave central da catedral, resulta particularmente significativa, pois permite apreciar tanto o estado material da escultura – con perdas visibles na súa parte inferior – como a súa configuración escenográfica orixinal, distinta da actual. Tras as intervencións arqueolóxicas, o pavimento – que aínda conservaba o nivel orixinal, aínda que fora revestido cun enlousado de mármore no século XIX – foi substituído por unha placa de formigón e o nivel do chan rebaixouse, o que explica que hoxe a figura apareza elevada sobre un pedestal. Na súa concepción orixinal, non obstante, Mateo axenlloábase directamente no solo, compartindo o mesmo plano espacial que os fieis. Esta disposición formaba parte da escenografía envolvente do Pórtico, concibida para diluír os límites entre representación e experiencia, de modo que as figuras – e, en particular, a de Mateo – habitasen o ámbito do espectador, ata o punto de permitir que o visitante puidese axenlloarse literalmente ao seu carón.
A restauración dixital, realizada por Alexandre González Rivas mediante o uso combinado de máis de dez softwares especializados (RealityCapture, ZBrush, Blender, Substance Painter, Xnormal, Substance Designer, Unreal Engine 5, entre outros), permitiu reverter virtualmente os danos e recuperar o efecto orixinal da escultura segundo as investigacións de Francisco Prado-Vilar.
Nunha primeira fase, a partir dun modelo fotogramétrico de alta resolución, xerouse unha malla densa optimizada mediante procesos de retopoloxía e limpeza topolóxica, sobre a que se levou a cabo a reintegración dixital das partes perdidas mediante esculpido 3D. Esta intervención permitiu corrixir os deterioros visibles na cabeza e, especialmente, na zona inferior. O esculpido apoiouse tanto na evidencia fotográfica histórica como en criterios de continuidade xeométrica e coherencia estrutural, garantindo a correcta transición entre superficies orixinais e reconstruídas.