A cuarta edición do «Canta con Ames» comezou coas dúas xornadas de preselección na que participaron 32 persoas. Tras a preselección e a semifinal, que se celebrou o pasado 4 agosto, o xurado seleccionou a 12 finalistas. Deste xeito, na final participaron Andrea Penas López, Nerea Nieto Abal, Amanda Motos Díaz, Luciana Ames Berdejo e Anaís Fernández Fernández (persoas ata 17 anos); Paula Barreiro Rey, Ana Belén Vica Conde, Abrahán González Estévez e Lucía Rodríguez Barbosa (maiores de 18 anos); o trío formado por Mariña Rodeiro Jorge, Daniela Hermo Fernández e Gabriel Hermo Fernández; e o dúo de Silvia Veiga Alende e Cecilia Pardo Ferreiro. A finalista Lucía Rabuñal non puido acudir á final por problemas de saúde.
Na final as/os 12 finalistas interpretaron dúas cancións de distinto estilo musical. Non puideron repetir temas entre elas/eles. Trala actuación das/os finalistas o xurado decidiu que as/os gañadoras/es da cuarta edición do “Canta con Ames” son Anaís Fernández, na categoría de persoas ata 17 anos; Paula Barreiro, na categoría maiores de 18 anos; e Silvia Veiga e Cecilia Pardo, na categoría dúos e tríos.
Ademais, das/dos finalistas durante a final pasou polo escenario Samuel Fernández, que interpretou unha canción coa súa guitarra en homenaxe a Paco de Lucía.
Un dos momentos máis emotivos da final estivo protagonizado por Andrea Pernas, que quedou en terceiro lugar na categoría de persoas ata 17 anos, e que quixo compartir o seu premio con Nerea Nieto, outra das concursantes nesa categoría.
Por outra banda, houbo un recoñecemento especial para Rosa Arauzo, a participante de maior idade do concurso (78 anos), e para José Manuel Fernández concursante usuario da asociación Arcea-Adames. Tamén se recoñeceu o traballo da empresa Iluminaciones Santiaguesas polo traballo feito no concurso, e da Comisión de Festas de Bertamiráns que colaborou coa instalación dunha cantina durante as distintas fases do concurso.