Santiago promove o Consello Municipal de Mocidade «inactivo desde hai máis dunha década»
07/05/2024 A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude vén de publicar o novo regulamento de funcionamento interno do Consello Municipal de Mocidade, que actualiza a normativa vixente do ano 2001. A concelleira María Rozas explicou que o obxectivo é «adaptar este órgano non só ás novidades lexislativas senón tamén á realidade social actual, máis heteroxénea e na que existen novas canles de participación que non tiñamos hai 20 anos». Nese sentido, salientou que o Centro Xove da Almáciga contará cun papel destacado no órgano, no que tamén terán máis presenza as entidades e asociacións de tempo libre, os centros educativos e a Universidade.



