Durante o curso 2023-2024, de outubro a maio, participaron un total de 775 persoas maiores de 60 anos e persoas con discapacidade funcional. Houbo unha participación media de 20 usuarios/as por actividade.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “o programa Amessán é un dos programas que mellor funcionan dos organizados polo Concello de Ames. Ten varias vertentes, sendo a máis destacada de todas elas o envellecemento activo. A intención desta Concellaría é espallar as actividades por todo o municipio, por iso durante este curso abrimos outro grupo na parroquia de Tapia. Agora para o mes de xullo dispoñemos do campionato sénior, que no que teñen preferencia os/as usuarios/as do programa Amessán”.
Ao longo do curso, no marco do programa Amessán celébranse diferentes eventos especiais, que se suman ás actividades habituais do programa. Deste xeito, ao longo deste período 2023-2024, celebrouse unha foliada de Nadal e unha festa de Entroido. Na liña destas celebracións eventuais do Amessán, e coincidindo co remate desta edición do programa, celebrouse unha festa de clausura.
Festa de clausura do programa Amessán
Este domingo 16 de xuño, o pavillón do CEIP Agro do Muíño acolleu a clausura do programa Amessán 2023-2024. En dita festa actuaron o coro de Bertamiráns, o grupo de música tradicional e mailo alumnado de guitarra. Tamén houbo unha actuación musical a cargo de Luis Rey. Durante este tempo, acompañadas por Luis Rey, os grupos de baile realizaron coreografías de baile. Por último, houbo un desfile de creacións “Agulla e fío” amenizado por Luis Rey.