«Cantar a nación. Aniversario da estrea do himno galego» foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa de prensa no Pazo de Raxoi, que contou coa presenza da concelleira de Acción Cultural, Míriam Louzao, acompañada por Anxo Louzao, coordenador de Vía Galega; María Antonia Pérez, vicepresidenta de Galiza Cultura; Xaquín Xesteira, director de Cantigas e Agarimos; José Franqueira, presidente do Coro Crecente; e Pilar Reino, da directiva da Coral Solfa.
Míriam Louzao recordou que este 20 de decembro, cumpriranse «116 anos desde que se estreou o noso himno, no Gran Teatro da Habana» e para celebrar esa efeméride, o Teatro Principal acollerá un evento a partir das 20 horas que contará coa intepretación de varias pezas por parte do Coro Crecente, a Coral Solfa e Cantigas e Agarimos que «se pechará, por suposto, coa interpretación, por parte de todos e todas elas, do noso Himno».
A edila recalcou que «para o Goberno municipal, poñer en valor os nosos símbolos, a nosa historia e a nosa cultura identitaria é unha cuestión clave», así como «poñer en valor as agrupacións do noso Concello e darlle o espazo que merecen na programación cultural a todos e todas elas que fan cidade cada semana, reuníndose a ensaiar nos diferentes centros culturais e sociais. Por iso, estamos dobremente comprometidos neste acto».