A subdelegada indicou que Ames é un dos 23 concellos plenamente adheridos ao sistema VioGén na provincia, na que hai 8 máis en proceso. Os obxectivos de VioGén consisten en aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero, integrar toda a información de interese que se estime necesaria para facer unha predición do risco, e atendendo ao nivel de risco, realizar o seguimento e protección das vítimas en todo o territorio nacional.
O que persegue o Goberno a través deste VioGén é establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio nacional. “Hoxe máis que nunca, quero pedir a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero na provincia que denuncien, que non teñan medo e que dean un paso a fronte para que o sistema poida axudalas e protexelas”, sinalou Rivas.
Neste sentido a subdelegada do Goberno indicou que as forzas e corpos de seguridade traballan diariamente de xeito coordinado nos 2.402 casos activos na provincia. “Temos que seguir traballando sen descanso para protexer a cada unha da mulleres que están dentro do sistema VioGén, son 2.402 vidas condicionadas pola violencia atávica e estrutural que é o machismo, e que precisan do noso esforzo diario para protexelas a elas e as súas familias. Todos os esforzos son necesarios, os da Policía Local e a Garda Civil, pero tamén os de toda a sociedade. Non debemos darlle as costas aos comportamentos violentos e machistas, debemos denuncialos”, subliñou a subdelegada.
A subdelegada insistiu que a procura da igualdade e a loita contra a violencia de xénero son eixos fundamentais da acción do Goberno, que se expresa tamén en medidas como o Pacto de Estado, do que é beneficiario o concello de Ames, que recibiu 85.144,26 euros dende o ano 2018 para desenvolver políticas de igualdade, accións de concienciación e actividades encamiñadas á consecución dunha sociedade máis igualitaria e con tolerancia cero contra a violencia machista e os discursos negacionistas. Neste sentido tamén se expresou o rexedor que resaltou que “o único número tolerable en canto a violencia de xénero é 0”.