Pola súa banda, a alcaldesa lembrou tamén a historia do edificio da Casa das Máquinas e o protagonismo que a luz tén tamén na historia de Santiago «desde a lenda que fala das orixes de Compostela e das luces no monte Libredón,pasando por grandes fitos como que a que hoxe é a facultade de Xeografía e Historia foi o primeiro edificio público iluminado no Estado español cun arco voltaico, e ata a propia orixe do edificio hoxe rehabilitado, construido por Cooperativa Santiaguesa como reacción ao monopolio da electricidade».
Recuperar espazos públicos e darlles outra vida
Goretti Sanmartín incidiu tamén en que «a Casa das Máquinas súmase hoxe a unha longa lista de edificios rehabilitados e postos ao servizo da veciñanza, moitos deles para darlles outra vida dentro da rede de Centros Socioculturais, como son as antigas escolas de Figueiras, Laraño ou San Lourenzo, ou a vella estación de Cornes». Nesa liña, a alcaldesa deulle a benvida ao inmoble de GAleras «a unha nova etapa na que mantén a súa función de servizo público, de acubillo da veciñanza, mais tamén de visitantes, en canto que espazo de usop olivalente, dedicado á cultura, á aprendizaxe e ao lecer colectivo»
O edificio, un dos mellores exemplos da arquitectura industrial moderna da cidade, foi unha das infraestruturas que nos anos oitenta quedou incorporada ao primeiro catálogo de construcións protexidas de Santiago fóra da cidade histórica. E así, con esa protección, se mantivo nos PXOM de 1989 e de 2007, cando o Concello se fixo coa propiedade do edificio, que pertencía a Unión Fenosa.