Xornadas de Portas Abertas na EASD Mestre Mateo o 20 e 21 de marzo
Líder Redacción
19 de marzo de 2024 a las 10:39
Os vindeiros mércores 20 e xoves 21 de marzo a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo amosará os seus talleres ao público.
A EASDMM leva formando no eido dos oficios artísticos e o deseño desde 1888
A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (EASDMM) abre as súas portas ao público xeral os días 20 e 21 de marzo pola tarde. A visita está especialmente indicada para aquelas persoas que teñan interese en realizar os seus estudos superiores no centro. Durante a mesma visitaranse os talleres e aulas principais e informarase sobre a oferta formativa da Escola, así como sobre a forma de acceso.
As visitas realizaranse en dous turnos: ás 16h. e ás 18h., e teñen una duración aproximada de 2 horas. Para poder realizar a visita guiada as persoas interesadas realizarán a reserva a través da web easdmestremateo.gal
A EASDMM imparte na actualidade seis titulacións oficiais: tres títulos de grao (4 cursos; 240 créditos ECTS) e tres títulos de Técnico Superior (2 cursos; 120 créditos ECTS). Cinco das mesmas impártense en exclusiva de forma pública na escola santiaguesa: os tres títulos de Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño -Deseño de Moda, Deseño de Produto: itinerario xeral, e Deseño de Produto: itinerario DUAL en Xoiaría e Complementos-, e os Títulos de Técnico Superior en Técnicas Escultóricas e Xoiaría Artística. O CFGS en Fotografía impártese tamén nas EASD de A Coruña, Lugo e Ourense.
Un centro con pasado e futuro
O pasado xoves 14 de marzo aprobouse no congreso dos deputados o Proxecto de Lei pola que se regulan as ensinanzas artísticas superiores e se establece a organización e equivalencias das ensinanzas artísticas profesionais, que persegue adecuar o funcionamento das escolas de arte e superiores de deseño aos novos tempos. Mediante esta lei estes centros e o seu alumnado equipáranse coas facultades e alumnado universitario.
A EASDMM iniciou a súa andaina como Escola de Artes e Oficios de Santiago hai 136 anos, o 19 de febreiro de 1888 no edificio San Clemente (actual instituto Rosalía de Castro). A inauguración foi presidida por Eugenio Montero Ríos, gran mentor do proxecto de creación da Escola. En 1946 realizouse o traslado ao actual edificio San Agustín, no que ocupaba soamente os andares baixo e primeiro (hoxe ocupa os cinco andares). O estado das instalacións era moi malo, de xeito que en 1958 realizouse un plan de acondicionamento e, en 1978 un proxecto de ampliación e reforma no que se engadiu un novo corpo facendo L co antigo e que creou unha praza na parte posterior do centro, tal e como se conserva hoxe: a Praza do Irmán Gómez.
Durante os seus máis de 136 anos a institución leva evolucionando paralela ao devir da sociedade santiaguesa, contribuíndo á formación de novos talentos e participando en eventos dentro e alén do territorio galego, como a Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929, cuxa peza principal pode aínda visitarse na Escola. En 1992 implantáronse no centro os ciclos formativos de grao superior; e en 2005 os novos estudos superiores de deseño, que evolucionaron máis adiante até convertirse nas actuais ensinanzas artísticas superiores de Deseño.



