Unha ducia de mulleres de Boqueixón e Vedra participan nun curso de defensa persoal
Boqueixón, 13 de maio de 2025.- Un total de doce mulleres de Boqueixón e Vedra de todas as idades, profesións e inquedanzas participaron esta fin de semana, xunto coa concelleira de Servizos Sociais de Igualdade do Concello de Boqueixón, Ángela Conde, na primeira clase do Curso de Defensa Persoal Feminina, que imparte a karateca Ruth Lorenzo Couso, campioa nacional e internacional.
Líder Redacción
13 de mayo de 2025 a las 18:21
Unha sesión que comezou cunha charla empoderadora e inspiradora, na que a profesora trasladou ás alumnas que eran mulleres fortes e capaces. Unha xornada complementada cunha sesión práctica moi amena e instrutiva. Deste xeito, as mulleres participantes coñeceron os fundamentos teóricos e prácticos da defensa persoal, facendo fincapé nas técnicas de defensa e en como abordar un perigo, recomendando evitalo sempre que sexa posible.
A próxima clase terá lugar o día 24 de maio, de 10:00 a 13:00 horas, na ludoteca municipal de Vedra, onde se abordará a defensa ante determinadas situacións que as participantes plantearon. As clases son gratuítas, aínda queda algunha praza dispoñible, aberta a todas as mulleres de Boqueixón e Vedra ata cubrir aforo. Máis información no CIM de Boqueixón: 981 516 106.
Esta actividade está subvencionada con cargo ao Pacto de Estado 2024 Contra a Violencia de Xénero.



