O vindeiro venres, 2 de agosto, comeza a programación de Ames en Festas 2024. Serán de 10 días de festexos, dende o venres 2 ata o domingo 11 de agosto, nas localidades do Milladoiro e Bertamiráns. Na organización de dita programación colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina, e a Xuntanza de Empresarios de Ames.
As mellores orquestras de Galicia pasarán por Ames: Panorama, Gran Parada, Metrópolis, Combo Dominicano, París de Noia, Os Satélites e Los Coleguitas. Tamén haberá concertos a cargo de Guadi Galego, do grupo La Banda de Ayer e Tania Veiras. Este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio das festas, no Milladoiro, o sábado 3 de agosto, e outro de peche, en Bertamiráns, o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú.
Deste xeito, o pregón de inicio das festas, no Milladoiro, será a cargo de Alberto Gómez, presidente da Confraría da Madalena do Milladoiro, mentres que o de peche das festas, en Bertamiráns, ofrecerao o Fútbol Club Meigas, en representación do deporte feminino do concello.
Operativo de seguridade para as festas
Esta mañá mantívose unha xuntanza para organizar as festas e mailo operativo de seguridade que se manterá activo durante os 10 días de festas. En dita reunión de traballo participaron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; a técnica do departamento municipal de Cultura, María Vázquez; o responsable da brigada municipal de obras, Juan Calvo; representantes das comisións de festas do Milladoiro e de Bertamiráns; persoal de Xuntanza de Empresarios de Ames e da empresa Cunde; o oficial da Policía Local de Ames e persoal da Agrupación de Protección Civil.