Cabezudos e Feira Cabalar
O día grande das Festas, o xoves da Ascensión, terá lugar a comparsa de Cabezudos cun percorrido polas rúas compostelás desde ás 12:30 da mañá, é a tradicional Feria Cabalar no Recinto Ferial de Amio, e que ofrecerá un amplo programa de actividades dirixido a todos os/as afeccionados/as ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras cabalares e entrega de premios, ademais dun espectáculo ecuestre de doma.
Festas dos Maiores
Un ano máis volve a Festa para as Persoas Maiores, na que é xa a súa 25 edición, para que os nosos maiores poidan reunirse e desfrutar xuntos dun xantar con sobremesa amenizada polo Grupo Eureka, a un prezo adaptado a todos os petos de 10 euros. Esta xuntanza terá lugar o sábado 11 de maio ás 14 h no Recinto Feiral de Amio, e as entradas estarán dispoñibles a partir do día 2 de maio no despacho de billetes do Teatro Principal en horario de 10 a 13 horas.
Outra das actividades tradicionais que se repetirá este ano é o torneo da Chave, que acada a súa XLVII edición e que se desenvolverá venres e sábado na Alameda compostelá.
Ademais o programa inclúe outras actividades para públicos diversos, como a representación da peza de teatro «Adictos» de Pentación Espectáculos, que terá lugar no Auditorio de Galicia o xoves 9 ás 20:30, ou varios espectáculos de monicreques dirixidos á cativada a cargo de Babaluva, Kukas, Larraitz Urruzola Producións Artísticas, Títeres Alakrán e Viranvolta Tïteres, todos eles na praza de Mazarelos. Ademais, o programa deste ano inclúe a visita teatralizada pola ruta de Valle-Inclán «A barraca de Compostela» que terá lugar por partida dobre, o xoves e o sábado ás 18 horas.
O palco da Alameda e a Nave de Vidán acollerá o venres e o sábado varias actividades arredor do tango e a milonga que contarán coa presenza do cantante arxentino El Chino Laborde.
Complétase o programa con eventos do gusto dos/as máis deportistas coa celebración da ‘Corresán Ruta de Prata de Angrois’ que terá lugar o sábado a partir das 17:30 horas con saída e meta no Camiño Real de Angrois, e da XXIII Carreira da Ascensión, organizada polo Club Ciclista Compostela. Os/as amantes das novas tecnoloxías poderán asistir ao Dron Festival Gaelic GP, o venres e sábado no campo de hóckey da USC no Campus Sur.