O técnico de mediación intercultural, Leonardo Pena, explicou “toda a veciñanza que se achegue á praza da Maía, en Bertamiráns, poderá degustar produtos típicos de múltiples culturas. É unha actividade na que os protagonistas son os veciños e veciñas de Ames que proceden de países como Venezuela, Perú, Colombia, Guinea Ecuatorial, Cabo Verde, etc. Temos no concello persoas de máis de 60 nacionalidades convivindo con nós, ás que queremos dar visibilidade”.
Ames, 2 de xuño de 2025.- O vindeiro sábado, 7 de xuño, a partir das 14.00 horas, celébrase en Ames un novo Encontro Intercultural na praza da Maía, en Bertamiráns. Ademais da degustación de pratos típicos de diferentes nacionalidades, os asistentes poderán desfrutar de diferentes actuacións musicais a cargo dos integrantes da Asociación de Peruanos de Santiago e do grupo Batuko Tabanka. A xornada está organizada polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Asociación de Peruanos de Santiago e da Asociación Sociocultural de Venezolanos en Santiago de Compostela (AVESANTI).
O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames invita á toda a veciñanza a asistir a un novo Encontro Intercultural o vindeiro sábado, 7 de xuño, dende as 14.00 horas. Os que así o fagan, poderán degustar pratos típicos de diferentes nacionalidades realizados por veciños e veciñas de Ames, procedentes de diferentes países como Venezuela, Perú, Colombia, Guatemala, Guinea Ecuatorial, Marrocos, Siria, Exipto, Cabo Verde, entre outros.