Vila de Cruces organiza unha cata maridaxe para desfrutar con todos os sentidos do galo de curral
Líder Redacción
16 de mayo de 2026 a las 14:29
- O prestixioso sumiller Nacho Costoya dirixirá a cata que contará con viños da Denominación Rías Baixas da subzona Ribeira do Ulla, como os de Adegas CastroBrey do municipio cruceño
- As elaboracións do galo, en versión empanada, salpicón e o tradicional galo de curral con patacas, correrá a cargo do cociñeiro José Antonio Asorey Torres, do restaurante ‘Onde Antonio Mouriscade’
- A actividade celebrarase o sábado 30 no Auditorio Xosé Casal ás 12 horas, no marco da XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, con prazas limitadas e inscrición previa ata o día 26 a un prezo de 5 euros por persoa
O Concello de Vila de Cruces organizará por primeira vez unha cata maridaxe no marco da XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, coa colaboración do Concello de Vedra e a comisión organizadora da «Festa do Viño da Ulla» da Asociación de Festexos Populares «San Miguel de Sarandón». A actividade celebrarase o sábado 30 de maio no Auditorio Xosé Casal ás 12:00 horas.
A cata contará con viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, da subzona Ribeira do Ulla, de Adegas CastroBrey, da parroquia cruceña de Camanzo, e outras tres adegas da subzona. Estará dirixida polo prestixioso sumiller Nacho Costoya, recoñecido polo seu labor na promoción dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Actualmente está vinculado a Bodegas Arzuaga (Ribera del Duero) como delegado, ademais de dirixir multitude de catas técnicas, coordinado túneles de viño e contar cunha longa traxectoria en eventos vinícolas en Galicia.
Os viños acompañarán á degustación do galo de curral, con tres pratos diferentes elaborados polo cociñeiro e veciño de Cruces José Antonio Asorey Torres, coñecido como ‘Muñeiro’, que rexenta o restaurante ‘Onde Antonio Mouriscade’ en Lalín. Preparará empanada de galo de curral, salpicón de galo de curral, e o prato tradicional de galo de curral con patacas.
A actividade, destinada a persoas maiores de idade cun custo de 5 euros por persoa, ten prazas limitadas, polo que é preciso a inscrición previa que estará aberta ata o 26 de maio (ou ata esgotar as prazas) no correo electrónico noemi.lois@viladecruces.es. Unha vez confirmada a praza, deberase enviar o xustificante de pago ao mesmo mail nun prazo máximo de 48 horas.



