O dirixente popular asegurou que este é “un caso máis dunha alcaldesa que leva tres anos demostrando que non cumpre os seus compromisos”, definíndoa como unha persoa “de conviccións fráxiles, con criterios cambiantes e na que non se pode confiar”. “A ninguén nos gustaría ter unha amiga así, que te deixa tirado, que non ten palabra; pois tampouco é aceptable ter unha alcaldesa que fai o mesmo cos cidadáns”, engadiu.
Verea criticou tamén que, ao non contar cunha maioría suficiente, o goberno municipal “decide abandonar o principio democrático” que eles mesmos defendían anteriormente.
Nun segundo bloque da súa intervención, o líder do PP puxo o foco na decisión do goberno de solicitar novos informes sobre o modelo de xestión. “Se xa encargaron un informe de 80.000 euros que, segundo eles mesmos, di claramente que a opción é a sociedade mixta, por que necesitan agora outro informe?”, preguntou.
Neste sentido, lembrou que foron os propios BNG e CA os que votaron no Pleno baseándose nese informe para defender a sociedade mixta. “Que máis informes necesitan para decidir que? Continúan a rirse de todos os santiagueses”, denunciou.
Ademais, cuestionou por que, se se van salta o Pleno e están convencidos da sociedade mixta, “non comezaron xa a traballar nela”, insistindo en que a actuación do goberno responde a unha falta de coherencia e de rumbo.