O director do Museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor, amosa a súa satisfacción por seguir cumprindo, a través de Troyanos de Compostela, os obxectivos cos que se constituíu a asociación. “O noso concerto será unha pequena viaxe a Santiago de Compostela no tempo e no espazo, co fío argumental da novela de Pérez Lugín. Deste xeito, achegaremos a quenes nos escoiten o espírito do Museo a través da divulgación de pezas de composistores galegos de finais do XIX e comezos do XX” -indica-.
Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya
Troyanos de Compostela é un proxecto cultural que nace hai once anos con vocación de investigar, promover e interpretar a música que tocaba a Tuna Compostelana histórica, así como lembrar a figura e a obra de compositores galegos daquela época. Na actualidade integran a formación 39 profesionais de diferentes ámbitos, aos que os une a pertenza ás tunas universitarias durante a súa etapa académica.
No Auditorio municipal do Grove ofrecerán un programa de hora e media, que inclúe pezas do seu disco Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya, estruturado en cinco partes: Santiago, En Portugal, Viva Galicia!, A Romaría, Fonseca e Aires de voda. Ao igual que no concerto que celebraron no Teatro Colón da Coruña e no Teatro Principal de Santiago o pasado ano, fará de narrador o actor e guía Suso Martínez, interpretando o personaxe de Casimiro Barcala, como vén facendo desde 2017 nos Roteiros Troyanos que organiza cada ano o Museo pola cidade histórica compostelá.