Trinta cantantes de 15 países competirán no VIII Concurso de Canto Compostela Lírica
Un total de trinta solistas procedentes de 15 países participarán esta fin de semana no VIII Concurso de Canto Compostela Lírica. Este certame, que está organizado pola Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela dende a súa posta en marcha, ten como obxectivo promover, apoiar e difundir as carreiras incipientes no ámbito lírico de menores de 35 anos. Voces procedentes de España, China, Cuba, Arxentina, Venezuela, Portugal, Suíza, Corea do Sur, Eslovaquia, República Checa, Suecia, Australia Perú, Francia e Ucraína foron escollidas na selección previa entre as 80 persoas inscritas e orixinarias de 22 países diferentes. Esta trintena de cantantes actuará este sábado a partir das 17.00 horas no Auditorio de Galicia fronte ao xurado da competición, que elixirá dez finalistas que se disputarán o sábado ás 19.00 horas no mesmo recinto os catro galardóns que entrega o certame. As dúas citas serán abertas ao público e de acceso libre.

