«Foi unha experiencia incrible. A selva amazónica é un mundo aparte, con regras propias e unha enerxía que non se pode explicar con palabras», relatou o artista.
No documental, Tonhito narra a súa viaxe ao corazón da Amazonia, onde conviviu con comunidades indíxenas e explorou os mitos locais. Un dos máis fascinantes é o da anaconda xigante, á que se lle atribúe unha especie de forza magnética para atraer as súas presas.
«Non se sabe se é unha feromona ou unha vibración, pero os biólogos confirman que as anacondas de máis de nove metros quedan quietas e as súas presas van cara a elas, coma se tivesen un imán», explicou.

«Heredeiros da Crus» e o novo disco gravado en Abbey Road
A carreira de Tonhito de Poi tamén está ligada a outro proxecto musical: Heredeiros da Crus, banda que este ano lanzará un novo disco, gravado parcialmente nos míticos estudos de Abbey Road, en Londres.
«Este disco vai sorprender moito. É un traballo que fixemos con moito cariño e que creemos que lle vai voar a cabeza ao público», asegurou.
O novo álbum, producido por Iago Lorenzo, será presentado o 21 de febreiro na mítica sala Mardi Gras, na Coruña, cun concerto no que se interpretarán os temas en directo.
Antes de rematar a entrevista, Tonhito de Poi adiantou un novo proxecto televisivo no que participa como coordinador. Trátase dun programa onde persoeiros famosos farán autostop para desprazarse polos diferentes recunchos de Galicia.
«É un formato divertido e moi auténtico. O coche convértese nun espazo de confesións e anécdotas onde os convidados mostran unha cara que non sempre se ve na televisión», explicou.
«O importante é facer cousas que teñan sentido, que aporten algo e que conecten coa xente. Para min, a música e a arte teñen que ter alma», concluíu.
Tes a entrevista completa, no seguinte enlace.