A cidade de Santiago será o escenario de Creafogar, un evento innovador no que participan máis de 150 marcas galegas. A presentación oficial tivo lugar nunha rolda de prensa organizada polas interioristas Almudena Rodríguez, DenaDinteriores, e Beatriz Barril, Spacio-B. A casa de Creafogar, na Rúa Nova 24, abrirá as súas portas o 20 de setembro, cunha duración de 20 días, e reunindo a destacados profesionais do deseño, a artesanía e a construción de Galicia nun espazo único, impulsado polo Concello de Santiago, Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Artesanía de Galicia, Axenda Urbana 2030, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Woman Emprende.
Na presentación participaron María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude; Santiago Boquete, subdirector xeral de Servizo Público de Emprego de Galicia da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e Eva López Barrio, xerente do programa «Woman Emprende» da USC.
Na súa intervención, María Rozas salientou que desde o Goberno municipal «compartimos filosofía e obxectivos con Crea Fogar» e «reivindicamos a recuperación do noso patrimonio arquitectónico, a rehabilitación de inmobles en desuso para seren vividos». O Concello de Santiago colabora, entre outras cuestións, na organización de tres mesas de debate: o reto da vivenda, os oficios tradicionais, e o mercado de barrio.