Ao tempo, manteránse servizos que atravese o ámbito urbano, dándolle servizo aos núcleos rurais de San Marcos e Lavacolla e respectando as actuais paradas, isto é: estación intermodal (rúa do Hórreo), Hórreo, Virxe da Cerca, San Roque, Pastoriza, Avenida de Rodríguez de Viguri, San Lázaro, San Marcos e Lavacolla, para finalizar no aeroporto. Para optimizar o servizo e evitar sobrecargas, as paradas desde a intermodal ata San Marcos, en dirección Lavacolla, serán só para recoller usuarios e usuarias, mentres que no traxecto inverso, as paradas desde San Marcos ata o Hórreo serán exclusivamente para deixar viaxeiros e viaxeiras. Desta maneira, tal e como explicou o xerente de Tussa, «preténdese que as persoas que só queiran desprazarse pola trama urbana utilicen a liña 6 pero non a 6A, garantindo que estes autobuses cheguen con prazas dispoñibles a San Marcos e Lavacolla». Cando se poña en marcha este sistema, o próximo día 24, deixarase un periodo de adaptación de 15 días, para informar á veciñanza do funcionamento.
Frecuencias
A reorganización do servizo implicará modificacións nas frecuencias. De luns a venres, tanto os buses que realicen a liña de maneira directa como os que fagan paradas na trama urbana terán unha frecuencia de 40 minutos, se ben está previsto que saian de maneira alterna de maneira que a frecuencia da liña 6A será de 20 minutos. Nos sábados, domingos e festivos, o servizo directo entre a intermodal e Lavacolla terá unha frecuencia de 60 minutos; mentres que o servizo con paradas terá frecuencias de 20 e 40 minutos. Na práctica, iso supón que a frecuencia da liña 6A será de 20 minutos, fronte aos 30 minutos da actualidade. As tarifas mantéñense tal e como están establecidas para o conxunto da rede do transporte urbano.