Ademais da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no acto tamén participaron Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; Mª del Carmen Asorey, neta de Francisco Asorey; José Luís González, concelleiro de Cultura de Cambados; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia. Tamén asistiron varios membros da Corporación municipal.
Na súa intervención, Goretti Sanmartín salientou dúas características da obra do escultor cambadés: «a representación da figura das mullerse e as referencias á tradición escultórica en que introduce elementos da vida do común». No tocante á representación das mulleres, a rexedora aludiu á «mirada cargada de afecto e de sensibilidade» do artista coa que concebiu «algunas das obras icónicas da nosa cultura» como: O tesouro, A naiciña, A filliña e A Santa, converténdose no «primeiro artista en usar repetidamente a imaxe das mulleres galegas» que trascende «a imaxe feminina e se transmuta nunha imaxe simbólica de Galiza».
Goretti Sanmartín tamén puxo en valor a «combinación da tradición escultórica e da vida do común» de Asorey que une «o compromiso estético co compromiso ético», ao que se suma «unha mirada artística apegada ao país, á identidade cultural da terra», froito da súa vinculación co movemento nacionalista e a relación con persoeiros e artistas como Castelao, Ánxel Casal ou Camilo Díaz Baliño. «É quen de ver e de engrandecer a imaxe da xente do común, a da sociedade agraria e campesiña daquela altura», engadiu.