Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080) e o de Emerxencias (112). Se a propiedade está en zona urbana, o volume do combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura. No caso da zona rural, a cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.
A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano e porase atención en alonxar a fogueira de vivendas, vehículos, e instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables ou baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico, así como de recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.
A fogueira permanecerá vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción que deberá ser asegurada empapando os restos totalmente con auga, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.
A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada e será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade.