A edición 2023 de Talentia Summit, que remataba este venres, deixa números moi importantes, que superan aos de anteriores edicións en canto á participación. Na web talentiasummit.com contabilizáronse 45.714 sesións de 33.545 usuarios e usuarias únicas, e máis de 328.000 páxinas vistas. A maioría das persoas usuarias, máis de 10.000, foron de Santiago. Séguelle Madrid, con máis de 6.000 usuarios e usuarias únicas, e Vigo, con 3.500. Por detrás sitúanse, en número de persoas usuarias na web, A Coruña, Barcelona, Valencia, Pontevedra, Sevilla e Ourense.
A oferta formativa na feira virtual sumou 2.664 reservas, e a través de Talentia Summit foron intermediados 1.882 currículums para as 538 vacantes ofertadas en 224 ofertas de emprego diferentes. Ademais, a través dos stands virtuais das empresas participantes axendáronse 1.123 videochamadas para a realización de entrevistas, e houbo 221 reservas para mentorías de desenvolvemento profesional.
Nesta edición, Talentia Summit recuperou tamén o seu formato presencial, con cursos de formación nos que participaron máis de 300 persoas, mentorías, asesoramento, e entrevistas de traballo por parte de diferentes empresas.
En canto ao Foro Talentia, celebrado o pasado 10 de novembro no CGAC, contou coa asistencia de máis de 250 persoas, e outras 1.300 visualizaron xa o acto en Youtube. En total, os vídeos de Talentia Summit publicados nesta plataforma suman 74.470 visualizacións.