A alcaldesa de Santiago agradeceu en nome da Corporación municipal os labores realizados polos membros dos bombeiros e dos voluntarios de Protección Civil nas zonas máis afectadas pola DINA: “estamos orgullosas de vós porque sodes persoas que sempre estades ahí nos momentos máis difíciles e duros”. A rexedora tamén salientou a súa “capacidade de iniciativa” e “o seu compromiso, non só coa poboación de Santiago, senón co resto da poboación”. Goretti Sanmartín tamén recordou “a impresionante cantidade de material recollido por PC e cedido polos veciños e veciñas de Santiago que quería estar ahí e ofrecer a súa axuda”, unha boa mostra do “espírito de Santiago acolledor e solidario”.
Tras as intervencións do xefe dos Bombeiros, Manuel Sanmartín; a xefa de Protección Civil, Begoña del Río e os testemuños dalgún dos axentes presentes, o concelleiro Xan Duro tamén quixo parabenizar a todos os efectivos mobilizados “pola entrega, polo traballo e pola solidaridade e por representar tan ben o que supón Compostela. “Sei que estades moi orgullosos pero tamén moi afectados física e psicolóxicamente”, polo que reiterou «o apoio do Concello».
No pasado mes de novembro, tras a traxedia da DINA, o servizo municipal de emerxencias de Santiago sumouse ao operativo coordinado pola AXEGA e desprazáronse a Valencia os bombeiros Xoán Carlos Somoza, Iago Dans, Asier Vázquez, Elías Rodríguez e Fran García. Posteriormente, foron substituídos por José Antonio Gigirey, Jaime Tizón, Miguel Fernández, Antonio Morín e Adrián Roca. Durante a súa estancia nos municipios de Alfafar e Paiporta, encargáronse de traballos de achique de lodos, retirada de vehículos, apertura de portas e baixos e vivendas, e da habilitación do acceso a centros de saúde e bibliotecas.