Ademais, tamén dentro do POS, a Xunta de Goberno autorizou o inicio de trámites para recibir a primeira fase da obra de acondicionamento da antiga N-634 no núcleo de Lavacolla na parroquia de Sabugueira, executada pola empresa ALCOMTE GALICIA, SL. «A obra consistiu na dotación de beirarrúas nas dúas marxes da vía, alternando zonas verdes e prazas de aparcamento, e, no treito final, na implantación dun vía de plataforma única de formigón para o tránsito compartido de peóns e vehículos» detallou a concelleira.
Convenio servizo comedor
O executivo municipal tamén deu luz verde ao texto do Convenio entre o Concello de Santiago e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para a xestión do servizo de comedor en nove centros educativos do concello, durante os cursos 2023-2024 e 2024-2025.
Míriam Louzao detallou que con este convenio, prorrogable por catro anos máximo, «a Consellería de Educación comprométese a achegar 106.417,3 euros para financiar a prestación do servizo de comedor por curso» o que supón unha achega por parte da Xunta «de 0,55 céntimos por menú dun coste de 5,82 máis IVE» e recalcou que «o comedor é un servizo competencia da Xunta de Galicia que ten asumido o Concello pero sen que se lle transfira o crédito correcto para poder ofrecer ese servizo».
Plan municipal de prevención contra os incendios forestais
Ademais, dentro da Área Medio Rural, o executivo municipal tamén aprobou inicialmente o Plan municipal de prevención contra os incendios forestais do Concello de Santiago de Compostela, presentado pola EMPRESA PÚBLICA DE SERVIZOS AGRARIOS GALEGOS SA.
Míriam Louzao explicou que o obxecto deste Plan «é a delimitación das faixas secundarias de xestión de biomasa, así como definir as actuacións silvícolas necesarias para controlar ou eliminar a biomasa forestal e fixar as directrices de actuación procedentes para, deste xeito, minimizar o risco de incendios».