O executivo municipal tamén acordou esta mañá a adxudicación á empresa OBRAS Y VIALES DE GALICIA SL do contrato para as obras de execución do proxecto de senda peonil da rúa das Estrelas, por un importe final de 123.820,00 € (base impoñible de 102.330,58 € máis IVE do 21% de 21.489,42 €). Esta intervención, desenvolvida ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ 2022 da Deputación da Coruña, ten como obxectivo a mellora da mobilidade peonil na rúa das Estrelas, sita na parroquia de Aríns e contará cun prazo de execución de seis meses.
A rúa das Estrelas localízase na extremo oriental do núcleo de Santiago de Compostela e configúrase como un dos principais accesos ó Monte do Gozo, importante punto de atracción para os veciños, turistas e peregrinos. Na actualidade só o treito norte conta con beirarrúas, mentres que no ámbito de actuación os peóns empregan unha zona explanada contigua á estrada que non se atopa pavimentada.
Con esta actuación executarase unha senda peonil mediante 15 centímetros de zahorra estabilizada no ancho da explanación existente, cun bordo de formigón no exterior da senda, previa escavación en caixa. No treito comprendido entre o paso superior e a glorieta a senda terá un ancho de 2 metros e tamén se contempla a limpeza da cuneta revestida existente. A partir da rotonda e pola marxe esquerda ata enlazar coa beirarrúa existente executarase unha senda peonil de 2,80 metros de ancho. Este treito non conta con cuneta revestida, polo que, se disporá un novo bordo de formigón prefabricado no contacto coa calzada.
Tamén se aprobou a adxudicación do contrato que ten por obxecto o servizo de backup e ciber-resilencia do concello de Santiago de Compostela na modalidade IAS (infraestructure as a service – infraestructura como servizo) á empresa TÉCNICOS ASOCIADOS INFORMÁTICA SAU, por un importe total de 175.801,80 euros (Base impoñible: 145.290,74 euros, IVE do 21%: 30.511,06 euros) que estará desglosada nas seguintes anualidades: 80.575,83 (2024), 87.900,90 € (2025), 7.325,07 € (2026).
Licenzas
A Xunta de Goberno local aprobou a concesión da licenza á empresa que levará a cabo as obras de rehabilitación do antiguo hospital de Galeras para a súa utilización como residencia de estudantes e hotel, un proxecto que conta cun orzamento de execución material de 9.164.540,00 euros. As actuacións permitirán a rehabilitación e acondicionamento deste edificio de nove plantas e unha superficie construída total de 12.743,20 metros, que contará con 215 habitacións para residencia de estudantes e 185 habitacións para hopedaxe. A edificación está situada en solo clasificado como urbano no PXOM vixente e cualificado coa ordenanza especial 5 de Galeras.