«Os datos son feos, sobre todo entre a xente nova», advertiu a psicóloga, facendo fincapé na necesidade de traballar desde a educación para evitar retrocesos nos dereitos e na igualdade de xénero.
Desde a concellería, o traballo pola igualdade non se reduce á organización de actos conmemorativos. «É unha tarefa diaria, inculcando valores en colexios e en toda a cidadanía», subliñou Saco. O CIM de Padrón, que comezou a súa andaina en 1995, ampliou os seus servizos en 2001 coa incorporación de atención psicolóxica e xurídica, e máis recentemente cunha dinamizadora en igualdade.
O recoñecemento ás Rumorosas
O acto central do 8M en Padrón xirará arredor das «Rumorosas», unha distinción que cada ano destaca mulleres pioneiras nos seus ámbitos. Este ano, as homenaxeadas son:
- María José «Sesi» e a súa nai Chicha (pola súa traxectoria no comercio local).
- Miriam Cortizo (impulsora dun importante proxecto empresarial).
- Beatriz (soprano de renome).
- Isabel (docente de educación infantil).
- Elena (enfermeira e pioneira na acollida de menores).
- Noa Vázquez (emprendedora creadora dos caramelos de Pemento de Herbón).
- Martina (destacada deportista de Taekwondo).
Ademais, o CIM recibirá unha mención especial polo seu 30 aniversario. «É o único CIM que leva en activo sen interrupción desde a súa creación», destacou a concelleira.
A educación, clave para o futuro
A preocupación pola involución en certas condutas entre a xuventude marcou unha parte da conversa. «Estamos vendo casos de control e maltrato en rapazada moi nova», advertiu Rego, relacionando este fenómeno co consumo prematuro de contidos pornográficos. «O amor non é control. Se tes dúbidas, busca no dicionario: non verás que amor signifique posesión», sinalou con contundencia.