A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o Mercado das Alfaias, nunha rolda de prensa na que tamén participou Lolo Rey, en representación da asociación Nonéomesmo. A tenenta de alcaldesa explicou que o obxectivo desta iniciativa «é reivindicar o traballo dos produtores, dos labregos e labregas, e a calidade dos seus produtos, das súas froitas e verduras que teñen un valor inmenso desde o punto de vista económico, pero tamén do punto de vista social ou ambiental». Rozas incidiu en que «é preciso apostar por un consumo responsable, pola soberanía alimentaria, e por modelos de produción que son tamén resiliencia fronte ao cambio climático».
As alfaias do produto local
Segundo o diccionario da Real Academia Galega, as alfaias son «obxectos de adorno persoal, pero tamén persoas ou cousas de excelentes calidades, e nesa definición encadran perfectamente os alimentos labregos ecolóxicos e locais». De aí a denominación do mercado, que se celebrará o 26 de xuño, desde as 11.00 ata as 14.30 horas, e no que participarán produtores chegados de Santiago, Brión, Vedra, Boqueixón, A Estrada, Negreira ou Boiro. Ademais, colaboran os restaurantes Bellaco e La Alacena de Cris, que ofrecerán petiscos saúdables feitos con produtos ecolóxicos e locais.