A medida coincide coa época de migración das aves silvestres que atravesan a península no seu percorrido cara a África, un momento no que aumenta o risco de transmisión do virus. Por este motivo, o departamento que dirixe Luis Planas decidiu ampliar o confinamento a 29 novos municipios incluídos en zonas de especial vixilancia (ZEV), que se engaden aos 11 concellos que desde xaneiro xa estaban declarados zonas de especial risco (ZER).
Nestas áreas, só se permitirá manter as aves fóra dos galiñeiros se están protexidas con mallas ou telas paxareiras que impidan o contacto con exemplares silvestres e sempre que a súa alimentación e hidratación se realicen baixo cuberto. Tamén queda prohibido empregar auga procedente de fontes ou depósitos accesibles a aves silvestres, salvo que esta fose tratada ou desinfectada.
Os concellos afectados abranguen boa parte das catro provincias galegas, entre eles A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova, Xove, Cerceda, Ordes, Tordoia, A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vilagarcía, Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo, Zas, Ribadeo, Trabada, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.