Santiago de Compostela, 6 xaneiro 2023.- A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou que o BNG solicitará de maneira urxente a convocatoria da Deputación Permanente do Parlamento galego para que o presidente en funcións, Alfonso Rueda, compareza ante a Cámara para explicar “por que se ocultou información e por que non se están poñendo medios” ante o vertido de pellets plásticos na costa galega que cualificou de “traxedia ambiental”.
Así o dixo en Muros, onde coñeceu de primeira man a situación da man da alcaldesa da localidade, María Lago, a deputada Rosana Pérez e Luís Pérez, rexedor de Ribeira, outro dos concellos afectados e sobre os que Pontón advertiu “están sós, man a man coa cidadanía” ante a inacción tanto da Xunta como do Goberno central.
Neste sentido, considerou “gravísimo” que o Executivo galego ocultara o vertido de pellets cando era coñecedor do mesmo dende hai semanas, non puxera os medios necesarios para atallar o problema e ademais estea actuando “tarde e mal” porque activou o Plan de Continxencias “nun nivel que non implica a mobilización de máis medios”.
“É unha irresponsabilidade porque estamos ante unha traxedia ambiental que ten consecuencias negativas para o noso litoral e para o sector do mar”, incidiu, para reclamar a continuación á Xunta que reaccione, se poña “á fronte deste problema” e poña os medios necesarios para solucionar o problema.
Neste sentido, sinalou como máximo responsable da “incompetencia” coa que se está xestionando esta crise a Alfonso Rueda que, segundo subliñou, “vemos que está en campaña electoral, pero non se ocupa dos problemas que ten o noso litoral”.