O servizo comezará con tres sesións semanais, en función da demanda existente actualmente, para atender a entre 8 e 10 persoas, que se pode ampliar ata un máximo de 22 persoas tres días por semana. “Estamos seguros de que esta atención especializada de profesionais de Agadea Alzhéimer axudará a retrasar e enlentecer o avance da demencia”. O servizo de estimulación terapéutica “nace con vocación de continuidade”, dixo Mariló Saco, engadindo que “dentro das posibilidades do Concello, e se fose necesario, intentaremos amplialo para que haxa sesións todos os días da semana e poder atender as persoas que o precisen”.
Isabel Gey, pola súa banda, resaltou que “Agadea pon en marcha este servizo con intención de permanecer no tempo. Vimos para quedarnos”, dixo, e lembrou que “en todos os concellos que comezamos a traballar, seguímolo facendo”. A presidenta de Agadea agradeceu a colaboración co “Concello de Padrón, do departamento de servizos sociais e do centro de saúde”, e adiantou que se vai poñer en marcha unha campaña informativa e de sensibilización tanto en redes sociais como no propio comercio local.
Valoracións de preingreso
Dende Agadea Alzhéimer, xa empezaron a traballar e a facer valoracións de preingreso ás persoas interesadas en recibir este servizo. A neuropsicóloga e a traballadora social da entidade, en colaboración cos Servizos Sociais do Concello, xa están a valorar a algunhas persoas, traballo que continuará durante a vindeira semana, e incluso unha vez que se poña en marcha o servizo.