Nun acto conducido pola artista Sheila Patricia, nestas oito mulleres o Concello quere visibilizar e recoñecer este ano o papel fundamental de mulleres que, co seu esforzo diario e a súa excelencia profesional e humana, foron e son pezas clave no motor social e económico de Padrón.
Lola Paz, mestra de primaria durante 38 anos, dedicou a súa vida a educar dende o corazón e actualmente é piar fundamental no voluntariado de San Vicente de Paúl. Amparo Acosta simboliza a forza feminina no sector industrial. Foi unha das primeiras mulleres en integrarse na Picusa, á que dedicou máis de catro décadas de compromiso e constancia. Anabel Rivas, catedrática xubilada de Latín e Grego, formou a xeracións de alumnos e alumnas durante catro décadas convencida de que a educación é rigor, pero tamén é gozo. Anabel lanza un aviso á mocidade neste 8M: “Creo que a xente máis nova está a baixar a garda. Debemos coidar e fortalecer, con responsabilidade, todo o que xa conseguimos”.
Para Carmen Osorio, á fronte da Tienda Mundial durante corenta anos, o futuro escríbese con unión: “Ás mulleres aínda nos queda moito camiño por percorrer, pero con respecto, forza e determinación, somos capaces de acadar todo o que nos propoñamos”. Catalina Pereira, que actualmente forma parte da Selección Galega Sub-16, representa a forza dunha nova xeración de rapazas futbolistas. “Non debemos frear os nosos soños por ser mulleres”, asegura. María Teresa López actualizou a histórica Joyería Escotti, fundada en 1865, e destaca pola súa seriedade, calidade e confianza nun ámbito tradicionalmente masculino.
“Necesitamos referentes e unha cultura que visibilice o traballo das mulleres na ciencia. É preciso educar con actitude e sen prexuízos”, asegura Verónica Blanco, bióloga e investigadora en biotecnoloxía na USC. Para Eneida León, adestradora personal que leva máis dunha década axudando a homes e mulleres a sentirse seguros e saudables, “o 8M é un momento para reivindicar os nosos dereitos e o esforzo que facemos para ocupar o mesmo lugar que os homes”.
Manifesto institucional