Pacientes de cancro do CHUS denuncian retrasos de 6 meses nas consultas de revisión
Dende a asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, ante as declaracións realizadas o pasado día 4 de maio polo conselleiro de Sanidade, queren denunciar que a situación do servizo de Oncoloxía non só non está resolta, senón que está a deteriorarse de maneira alarmante. A pesar da implantación das “peonadas” polas tardes (horas extras voluntarias por parte do cadro médico), continúa a haber retrasos de ata 6 meses nas consultas de revisión. Reiteramos que tanto a xerencia do CHUS, como a consellería seguen sen aclarar o alcance real desta problemática, negándose a dar non só a cifra de persoas afectadas, senón tamén o número de consultas extraordinarias que se están a realizar, polo que descoñecemos en que se basea o conselleiro de sanidade para afirmar que o problema estará solventado en 2 meses. Non parece lóxico agardar que unha solución puntual resolva un problema estrutural.



