A programación de verán comenzará cunha das propostas pensadas para as familias: unha quedada intercentros na Praza da Quintana, que terá lugar na tarde do martes 25 de xuño, e que estará chea de xogos e actividades. Haberá prazas para 100 persoas, e as inscricións deben facerse no centro sociocultural de Vite.
Xa ao longo do mes de xullo, desenvolveráse a actividade «Argallando no carballo». Será nas tardes dos martes e dos xoves, cada xornada nun punto e cunha actividade diferente. Así, haberá talleres de debuxo, de arxila ou de elaboración de coroas de flores, en puntos como a Finca do Espiño, o Paxonal, en San Lourenzo, na granxa do Xesto ou en Monte Viso. Desta maneira, as persoas participantes «non só poderán desfrutar de obradoiros lúdicos que fomentan a creatividade, senón que tamén coñecerán mellor diferentes espazos verdes de Santiago».
Seguindo a mesma liña, unha das novidades deste ano serán as «Veladas nocturnas para as familias», con dúas citas no mes de xullo: a representación da obra «Feira das Sementes», de Babaluva Teatro, o 3 de xullo no espazo exterior do centro sociocultural de Santa Marta; e o contacontos musical «Lúa triangular, nada é imposible» de Jara Ortiz, o 17 de xullo na carballeira de San Lourenzo.
Actividades nos parques e paseos
Os parques teñen un gran protagonismo no programa «Vive o Verán», e serán tamén escenario de diferentes actividades saúdables, creativas e divertidas. Así, haberá clases de Tai Chi e Chi Kung en espazos como o parque de Penedo de Conxo, o parque de Santa Marta, o Parque do Cotaredo, o porque do centro sociocultural Maruxa e Coralia ou o Campus Sur; ou de danza nos parques de Galeras e Eugenio Granell. Tamén están previstos obradoiros de debuxo ao aire libre na cidade da Cultura, na zona histórica e no museo de ciencias naturais da Universidade de Santiago; ou clases de defensa persoal para adolescentes na praza José Saramago de Vite.