No manifesto ao que deron lectura a oito voces, defenderon os socialistas que “paga a pensa seguir facendo unha España plural e diversa, ampliando dereitos e liberdades da cidadanía do noso país”. Un manifesto ao que comezou dando lectura o Secretario Xeral na cidade, Aitor Bouza, que denunciou o “acoso, os ataques e as descualificacións” que os socialistas, asegura, “levamos sufrindo durante meses”. Lembra, por exemplo, os ataques ás sedes socialistas en diferentes cidades, pero poñendo o foco tamén nos “insultos e bulos que pretenden destruír a nosa moral como socialistas” e, engade, “instaurar na cidadanía unha fartura xeralizada da política”.
Tamén o alcalde de Ames, Blas García, sumouse ao escrito chamando a atención en que “a principal diana deses ataques totalmente reprobables foi o noso presidente”. Neste sentido, o portavoz municipal do PSOE en Santiago, Gonzalo Muíños, advertiu da “escalada deses ataques” nos últimos meses. Uns ataques que cualificou de “política pero, sobre todo, humanamente insoportables”.
“Como socialistas non podemos ficar á marxe nin calados ante esta situación totalmente inxusta e inmoral” asegurou o coordinador comarcal do PSdeG, Antonio Leira que fixo un chamamento a non tolerar “que se pretenda cambiar a vontade democrática da cidadanía do noso país con accións xudiciais infundadas”.
O alcalde de Negreira ratificou estas palabras, insistindo en que a política “non se pode converter nun lameiro de batalla”, senón que ten que ser un “lugar de encontro para a construción dunha sociedade democrática e igualitaria para toda a cidadanía”. Anxo Leis asegurou que a postura dos socialistas está “coa democracia, a convivencia e o progreso”.