É POSIBLE MANTER O EQUILIBRIO ENTRE MEDIO AMBIENTE E ECONOMÍA
Pola súa banda, Ánxeles Vázquez ironizou con que “aqueles que queren perseguir as fake news ou que falan de embarrar son os primeiros que están facendo xusto o contrario co proxecto de Altri”. Xa que, tal e como explicou, este proxecto aínda non concluíu a súa fase de avaliación ambiental pero, polo de agora, “os informes que xa son públicos conclúen que cumpre estritamente todos os parámetros establecidos pola normativa europea, estatal e autonómica en materia de emisións e vertidos”.
“Eu o que lle pediría ao señor Besteiro e á señora Pontón é que sexan consecuentes cos seus actos e que, como representantes de Galicia, non deosten a nosa terra. Primeiro, porque estamos nun Estados de Dereito no que hai que cumprir a lei como fai e sempre fará o Goberno galego. Segundo, porque hoxe é Altri pero mañá podería ser calquera outro proxecto na nosa Comunidade”, apuntou.
A responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego subliñou que o Executivo autonómico seguirá traballando na mesma liña que ten xa establecida: “A de loitar para que empresas tractoras se instalen no territorio e poidan crear riqueza cumprindo coa lexislación vixente e garantindo o equilibrio entre medio ambiente, saúde e economía”.
O RURAL ACTÍVASE CON EMPREGO E POBOACIÓN
Na reunión organizada polo PPdeG tamén participaron a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, as coordinadoras de Medio Ambiente e de Industria do partido, Marisol Díaz Mouteira e Marta Novoa; así como os portavoces destas mesmas áreas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Gonzalo Trenor e Rubén Lorenzo, respectivamente.
Todos eles foron recibidos polo alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, que tamén se uniu á crítica a un PSOE e a un BNG que, coa súa postura, sitúanse “en contra do maior investimento que nunca se proxectou na nosa comarca e na nosa provincia e un dos máis importantes que Galicia poida ter”.