“Como consecuencia da elevación da plataforma e a eliminación de bolardos os vehículos aparcan na zona de tránsito exclusivamente peonil, polo que o que se conseguiu foi que o paso de persoas por toda a praza, sexa máis perigoso que antes”, subliñou
O popular indicou que esta situación obrigou ao Concello a pintar de novo os pasos de peóns, tal e como estaban antes, algo que o proxecto non contemplaba, “polo que agora, remarcou, as persoas só poden transitar polos pasos habilitados para eles, como antes, pero os vehículos circulan e aparcan por todo o espazo”.
Tal como explica o popular, á veciñanza resúltalle “pintoresca” a instalación do radar “pedagóxico”, disposto no sentido de baixada cara á rúa de Conxo de Arriba e que non parece unha solución que resolva o problema, xa que só controla os automóbiles que circulan nun sentido, os que van cara á rúa Conxo de Arriba, pero os que suben desde esa mesma rúa non teñen radar, polo tanto non hai mecanismo que controle a súa velocidade, e o certo é que estase comprobando que hai vehículos que non respectan o límite de velocidade, creando un dobre problema pola falsa sensación de seguridade que provoca.
“Non cabe máis torpeza, resalta o concelleiro popular, posto que coa pretensión de ampliar o espazo para peóns, leváronse a cabo, unhas obras que conseguen exactamente o contrario e, ademais, con esta situación os nenos non poden desfrutar con tranquilidade da praza”.
Subliña que “é que se perdeu unha moi boa oportunidade para conseguir un maior aproveitamento da praza e de mellorar algúns aspectos que os propios veciños reclamaran no seu momento”.