A animadora á lectura do departamento de Bibliotecas municipais, Divina Fernández, explicou que “no mes de outubro volven as sesións de contos que se fan mensualmente cunha temática diferente. Cada mes hai tres sesións de contacontos en cada biblioteca os martes, mércores e xoves. Para participar é necesario apuntarse unha semana antes de que se fagan ditas sesións. Ademais, este ano para o mes de setembro temos preparadas unhas sesións de contos. O martes 23 teremos a Caxoto na biblioteca de Bertamiráns con contos e música, e o día seguinte, o mércores 24 de setembro estará Cristina Collazo na biblioteca do Milladoiro cun espectáculo de contos e teatro”.
Actividades para as crianzas dende setembro ata decembro
Nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro as familias poderán gozar dun feixe de actividades lúdicas e participativas que lles achegarán recursos para unha crianza positiva, natural e creativa. Neste programa inclúense propostas do departamento de Normalización Lingüística e dos departamentos de Cultura e Bibliotecas. O programa comeza o venres, 12 de setembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, co espectáculo “Para cantar e bailar”, de Luís Prego e Samuel Soto.
Trátase dun programa de actividades que está pensado para a ampla variedade de familias que se achegan ao proxecto Apego na procura de actividades, recursos e outras propostas creativas e divertidas que faciliten a socialización en galego das crianzas.
Artistas e creadores de contido como Cé Orquestra Pantasma, Miudiño, Luís Prego, Samuel Soto, Cris Collazo, Caxoto, Marc Taeger, Marta Ortiz, A Banda dos Insectos, Alma Blanco, Ángeles Goás, As da Pontragha, Arkhé espazo educativo, Soledad Felloza, Anxo Moure e a Banda da Montaña encherán os próximos meses de risas, apego, emocións, contos, diversión, teatro, música, poesía, cantos, baile, cinema, arrolos, maxia, aventuras, xogos, obradoiros en familia e moitas moitas aprendizaxes e experiencias novas.
Ano Castelao
Entre a grande variedade de propostas coas que conta esta programación, terán presenza os xa habituais festivais de maxia e de cinema que organiza o departamento de Cultura do Concello de Ames e que en breve presentarán o seu programa específico. Ademais, neste ano Castelao, contarase con dúas actividades para achegar a súa figura ao público familiar.
En setembro, o día 19, representarase na Casa da Cultura do Milladoiro a obra de teatro Castelao de Culturactiva protagonizada por Cristina Collazo, e o 28 de novembro Soledad Felloza traerá ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns o seu Alfabeto Castelao, unha sesión chea de historias, emocións e contos que nos introducirán no universo dunha das figuras intelectuais máis importantes de Galicia.
Actividades de animación á lectura
Do mesmo xeito, no outono volven tamén as actividades de animación á lectura, en forma de contos para a rapazada amesá de 3 a 8 anos, e que se desenvolverán nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns durante os meses de outubro, novembro e decembro, sempre ás 17:30 horas.