«A Finca do Espiño é un miradoiro excelente sobre a fachada oeste da cidade histórica, que constitúe o perfil máis característico e recoñecible de Compostela», explicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás. «Inscríbese, ademais, nunha contorna ambiental de gran valor, atravesada polo río Sarela e enmarcada polo monte Pedroso. Tamén dende a cidade histórica, e dende a propia praza do Obradoiro e dende a Alameda, resulta perfectamente visible o ámbito sobre o que se actúa co obxectivo de preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos».
Segundo indicou o concelleiro, a modificación puntual que se somete a aprobación no Pleno deste mes «establece, ademais, condicións específicas de integración ambiental do conxunto, incluído o mantemento do arborado de interese e, na medida do posible, das trazas dos muros e dos bancais que definen o relevo do lugar».
O planeamento vixente distingue dúas zonas no ámbito suxeito a esta modificación puntual: unha zona cualificada como dotación pública, que inclúe os parques urbanos PU-14.1.b e PU-FE e mais o equipamento SC-FE; e unha zona edificable de titularidade privada, a parcela EM-FE, de 8.012 m2, disposta no perímetro do ámbito, con aproveitamento lucrativo, na que permite edificar un volume de 10.500 m2 construídos susceptible de albergar distintos usos de carácter privado: asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario.
A ordenación vixente foi aprobada en 2004 como trasposición ao planeamento urbanístico dun anteproxecto asinado por Jean Nouvel hai máis de dúas décadas que non chegou a materializarse. Esta ordenación, incorporada ao PXOM a través da sús disposición transitoria cuarta, é hoxe dificilmente asumible, «pois alteraría notablemente a paisaxe e a mobilidade nun espazo de gran valor e fraxilidade ambiental», destacou o concelleiro. Ademais, o relevo do terreo fai que a implantación das edificacións previstas implique necesariamente realizar movementos de terra significativos e encaixalas contra un muro de contención dos terreos con difícil integración paisaxística.