30 aniversario
O aniversario contará con dous actos especiais. O primeiro será o mércores 8 de outubro, cunha festa de inauguración na Sala Capitol, que por primeira vez se incorpora como espazo de exhibición de monicreques. A velada, con actuacións e sorpresas, terá carácter restrinxido a convidados. O domingo 19, ás 12.00 horas, o escenario da Capitol acollerá a compañía aragonesa Teatro Arbolé e a súa proposta Los tres cerditos.
O segundo acto vinculado ao 30º aniversario será o luns 13, ás 20.00 horas, na tradicional carpa da Alameda. Alí, artistas que participaron ao longo dos anos compartirán co público a súa relación co festival, cos monicreques e coa cidade.
Primeiras estreas
O sábado 11 abriranse as estreas coa compañía colombiana El Guiñol del Guiñol, que representará por primeira vez El último árbol na tenda A Reixa. Ese mesmo día, ás 18.00 horas, no Centro Sociocultural do Romaño, a compañía galega Mircromina Teatro presentará Pasmo de Pedra.
Entre as propostas internacionais inéditas destacan a portuguesa Fío D’Azeite, que estreará O rei va nú na carpa da Alameda o domingo 12; os chilenos Títeres Candelilla, con Kuiyen, sueño mapuche o martes 14 na Fundación SGAE; ou os italianos Zaches Teatro, que presentarán en Santiago a súa nova Cenicienta.
Tamén haberá estreas de compañías xa coñecidas polo público, como a vasca Panta Rhei, Premio Galicreques 2018, que levará ao escenario Krim, pequeño lobo o xoves 16; ou os cataláns Fil de Guá, que ese mesmo día sorprenderán con Emproianova.