Por parte do Concello de Ames, o alcalde, Blas García, dixo “quero amosar a miña satisfacción persoal e a do Concello por poder contar cun partido desta categoría en Ames. Sen dúbida Pecados Rubén Burela é unha referencia a nivel mundial dentro do fútbol sala feminino. Imos a enfrontarnos ao Burela en partido de Copa Galicia e agora a aspiración ten que ser poder enfrontarnos en partido de Liga. Dende o Concello gústanos defender o deporte, e especialmente o deporte feminino, e o Meigas é un exemplo de bo facer e do deporte feminino. Nós estaremos ao lado do Meigas para axudarlles no que poidamos. O deporte é a base para facer unha sociedade mellor”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explicou “estamos encantadas de poder acoller este partido en Ames, porque vai ser un partido de moito nivel entre dous equipos que militan na primeira e segunda división do fútbol sala nacional. Agardo que o pavillón de Bertamiráns estea cheo para gozar deste espectáculo deportivo. Todos e todas imos estar apoiando ás rapazas do Meigas. Oxalá desfruten deste partido porque é un premio para elas despois das boas temporadas que levan facendo nos últimos anos”.
A presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, dixo “é unha honra estar aquí para presentar o partido que imos disputar co Burela na segunda fase da Copa Galicia, que se vai xogar este mércores 2 de outubro no pavillón de Bertamiráns. Poder disputar este partido en Bertamiráns contra un dos mellores equipos de fútbol sala feminino do panorama internacional é un orgullo, porque é algo que conseguimos grazas á clasificación que obtivemos na pasada temporada 2023-2024, na nosa primeira temporada na segunda división. Estamos tratando de organizar en Ames partidos de primeiro nivel de fútbol sala como que organizamos entre o Noia Portus Apostoli e o Pescados Rubén Burela. Este aínda é máis importante porque o disputa o Meigas”.
O adestrador do FC Meigas, Diego Montero, destacou que “é un orgullo poder traer a Ames o considerado nas últimas temporadas como o mellor equipo do mundo, O Burela. Tamén quero agradecerlle as facilidades dadas polo Burela para poder poñer o parido o mércores e poder dispor dun día máis de descanso para nós, porque xogamos onte en Alcorcón. Cremos que é importante traer fútbol sala de elite a Ames como ese partido que se disputou a comezos de setembro entre dous equipos de primeira división masculina como son o Noia e mailo Burela. Este é un paso máis. Ames quere e gústalle o futsal e nós encantados de dar un paso máis e facer un bo partido e intentar estar na seguinte fase da Copa Galicia”.