O CPR San Xosé de Cluny acolle este martes o derradeiro ‘Fala que Fala’ da tempada
Líder Redacción
4 de mayo de 2026 a las 22:17
A oitava e última edición da tempada de “Fala que Fala”, o formato radiofónico de Radio Líder que se ten consolidado como unha referencia entre a mocidade, chega a Santiago de Compostela este martes 5 de maio.
O programa emitirase en directo desde o CPR San Xosé de Cluny, entre as 10:00 e as 12:00 horas, nunha edición especial cargada de música, humor, entrevistas e xogos, cun papel protagonista para o alumnado do centro. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, busca fomentar o uso do galego dun xeito dinámico e participativo.
Tras percorrer distintos centros educativos de Galicia —desde Pontevedra ata Monforte de Lemos, pasando por Cea, Teo, Friol, Vigo ou Ribadavia—, o proxecto chega ao seu peche de tempada reafirmando o seu impacto na difusión e prestixio do idioma.
Nesta última edición contará coa presenza destacada de Xosé Luís Regueira Fernández, catedrático da área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Instituto da Lingua Galega. O experto será entrevistado polo propio alumnado nun dos momentos máis destacados do programa.
Membro numerario da Real Academia Galega desde 2012, Regueira achegará a súa visión sobre a situación actual e os retos de futuro da lingua galega.
O evento conta coa colaboración de Seguridade A1, Daveiga e Dezasete Media.



