Pilar Lueiro tamén se dirixiu aos/ás galardoados/as para transmitirlles que “Compostela sábese afortunada por contar con tantas persoas e entidades que promoven a actividade físico-deportiva e hábitos sans, grazas a unha implicación, moitas veces desinteresada, que non en poucas ocasións pasa desapercibida”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, foi a encargada de pechar a gala, parabenizando unha por unha todas estas “persoas magníficas, claras merecedoras deste recoñecemento que lles concedemos e activos indispensábeis nesta tarefa común que temos todas nós, desde as administracións ás entidades e ás deportistas, de implicármonos para construír esa Compostela máis xusta, máis igualitaria, máis orgullosa”. Tamén recordou que “o deporte é aprendizaxe, esforzo, solidariedade, apoio, disciplina, afouteza, perseveranza, compañeirismo, referencialidade, comunidade, decisión, visión de conxunto e implicación”.
A rexedora destacou dous fitos acadados polos Premios do Deporte: “a primeira, recoñecermos persoas e entidades que nos axudan a facer de Compostela un concello mellor promovendo a saúde, a participación cidadá, a creación de redes de apoio social e dinamizando os barrios e parroquias. A segunda, celebrar o vivo e forte que está o tecido deportivo do noso concello, que goza dunha boísima saúde e que non deixa de darnos motivos para sentirnos orgullosas, colectivamente, de todo o que conseguimos”.
Premiados/as
No apartado de deportista feminina categoría base, a gañadora foi a ciclista do Club Baqué, Alejandra Neira Domínguez. O galardón ao mellor deportista masculino, tamén categoría base, recaeu no ximnasta Iván Gutiérrez Mosquera, do club Ximnasia Rítmica Compostela. En categoría absoluta, a mellor deportista feminina foi a atleta Esther Pedrosa, mentres que en categoría masculina se alza¡ou co recoñecemento p xogador compostelán de fútbol Borja Iglesias, actualmente no Real Club Celta de Vigo. En canto ao deporte adaptado, Emilio Agüera Vozmediano, atleta de triatlón do Club Santiago Inforhouse acadou o recoñecemento do xurado.