O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra; a voceira do Bloque Nacionalista Galego de Ames, Escarlata Pampín; o persoal do departamento do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Lucía Ferro; e maila xornalista de Ames Radio, Belén Martínez; tamén leron textos dalgúns autores e autoras que non puideron acudir ao acto.
Durante o acto, interviu o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, que dixo “as persoas que participan neste certame non o fan polos premios que se conceden, xa que é un certame humilde, pero que ten un obxectivo claro como é defender a nosa lingua. Ademais, as persoas premiadas poden ver os seus textos publicados como acontece hoxe coa presentación deste libro. Por iso ten tanto valor este certame, porque aínda que os premios económicos non son moi elevados, como pode ser noutras casos, en todas as edicións hai unha alta participación. Na edición de 2024 hai participantes das catro provincias galegas, e incluso nalgunhas edición chegan textos de persoas de fóra de Galicia”.
XXI Certame Literario do Concello de Ames
No libro inclúense todos os textos finalistas no XXI Certame Literario de Ames 2024 que recibiu un total de 180 traballos. Premiáronse dezaoito propostas que se repartiron entre as categorías de narrativa e poesía e entre as diferentes franxas de idade (maiores de 18, entre 14 e 17 anos e menores de 13).
Os traballos gañadores procedían dun total de 11 concellos distintos, espallados por toda a xeografía galega. Entre a listaxe de obras premiadas atopábanse textos procedentes de Ames, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Cambados, Santa Comba, Brión, Nigrán, A Laracha, Allariz e Lugo. No concello amesán quedaron dous galardóns: o terceiro premio da primeira categoría na modalidade de poesía e o primeiro premio da terceira categoría na mesma modalidade de poesía.