«Os resultados que temos son aínda preliminares e provisionais, pero son moi útiles e ilustrativos, confirman, cuantifican e matizan algunhas tendencias evidentes pero tamén revelan algúns fenómenos que non o son tanto e que son interesantes», manifestou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica.
Así as cousas, Lestegás remarcou que este goberno «está dando os pasos necesarios» para a declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado, sendo «conscientes» dos elementos positivos, pero tamén, sinalou, sendo coñecedores «das eivas da Lei polo dereito á vivenda que é necesario corrixir tendo en conta a experiencia doutros territorios». Neste sentido, referiuse á proposición de lei impulsada polos sindicatos de inquilinos para apelar a que «o Congreso dos Deputados terá a oportunidade» de corrixir estas eivas cando someta a consideración e votación esta iniciativa lexislativa.
Outros asuntos
No pleno ordinario de xullo tamén se trataron unha serie de asuntos de carácter económico, entre eles, a aprobación de tres créditos extraordinarios por importe de 1.980.344,63; 148.736,67; e 40.000 euros, así como dun suplemento de crédito de 11.605,88 para o pago de diversos conceptos.
Así mesmo, o pleno deu luz verde por unanimidade á prórroga do convenio de colaboración formalizado o 1 de outubro de 2020 entre a Xunta de Galicia e os Concellos de Santiago e Teo, para a coordinación dos servicios de transporte público con orixe e destino na urbanización dos Tilos, nos termos nos que foi redactado, por catro anos adicionais, ata o 30 de setembro de 2028.