En relación aos parques nas escolas unitarias, o alcalde recoñeceu que “hai colexios que precisan ampliar as zonas de xogo” e comprometeuse a seguir mellorando “pouco a pouco, na medida das posibilidades económicas do concello”.
Un dos anuncios máis destacados foi o relativo ao centro de saúde de Vedra, que “leva corenta anos e necesita unha reforma integral”. O rexedor explicou que xa se asinou un convenio coa Xunta e que as obras comezarán “no primeiro semestre de 2026”, con investimento superior aos 600.000 euros. Durante os traballos, o servizo sanitario manterase en casetas anexas ao edificio actual.
Tamén respondeu ás dúbidas sobre a taxa do lixo, explicando que “xa se subiu o ano pasado, pero non o suficiente para cubrir o custo do servizo”. Afirmou que non prevé novas subas, aínda que lembrou que “non hai ningún servizo municipal que cubra o seu custo real” e que o Concello fai “un gran esforzo para manter todos os servizos sen recortar”.
Martínez detallou que Vedra conta con “uns 4.970 habitantes” e un orzamento “duns seis millóns de euros”, e recoñeceu as dificultades de crecemento urbanístico: “A lei do solo de Galicia non nos permite ampliar os núcleos rurais. É unha limitación legal que non depende de nós”, afirmou. “Hai máis de cen vivendas que poderían saír ao mercado, pero moitas familias non as poñen en alugueiro nin en venda”, engadiu.
A entrevista tamén deixou espazo para preguntas máis humanas e sociais, como a dun grupo de veciños de Arxelia que solicitaban clases de español. O alcalde mostrouse receptivo: “Nunca se me pasara pola cabeza, pero tomo nota. Se podemos ofrecer ese servizo, farémolo”.