Dentro dos servizos dirixidos especialmente ás persoas maiores, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais salientou o SAF, que pechou 2025 cun total de 808 persoas usuarias, “a cifra máis alta da serie histórica”, das que 625 persoas foron atendidas na modalidade de dependencia e 183 na de libre concorrencia. Foron, en concreto, 68 usuarias máis que en 2024 e 113 máis que en 2023. En canto ás horas de servizo, en 2025 prestáronse preto de 16.000 horas máis que no ano anterior, ata superar as 203.500. Este incremento de horas de servizo e de persoas atendidas “é posible pola aposta que fixo o Goberno por incrementar o orzamento do Servizo de Axuda no Fogar, que pasou de 3,6 millóns de euros en 2023 a 6,3 millóns de euros en 2025”. En relación ao SAF, a concelleira reiterou a súa vontade de volver licitar o servizo este ano “porque ainda que o novo contrato trouxo avances evidentes queremos seguir avanzando para ter o mellor servizo”.
A concelleira de Dereitos Sociais tamén se referiu a outros programas pensados fundamentalmente para as persoas maiores, como o servizo de teleasistencia domiciliaria. O ano pasado, foron beneficiarias destes dispositivos 109 persoas, fronte ás 60 de 2024, grazas ao incremento en máis dun 20% do orzamento destinado aos convenios con Cruz Vermella para a xestión do programa, que incorporou novos dispositivos como detectores de fume ou de movemento. A teleasistencia permitiu detectar 48 incidencias graves nas que foi precisa unha intervención de emerxencia nos domicilios. Por outra parte, o ano pasado estreouse o novo Servizo Municipal de Atención Inmediata, que actúa ante casos de emerxencia non sanitaria, como apoio a mobilizacións en caídas ou traslados a centros residenciais.
En 2025 tamén se iniciou o programa Xantar na Casa, a través dun convenio coa Xunta de Galicia que concedeu 60 prazas para o servizo. Un total de 92 persoas foron beneficiarias do servizo ao longo do ano.
Bolsas sociais
Ao igual que o das persoas maiores, o colectivo da infancia vén recibindo a atención prioritaria do departamento de Servizos Sociais. Neste caso, unha das principais liñas de actuación é a convocatoria de bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares á que en 2025 se destinou un orzamento de 1,1 millón de euros, a mesma cifra que en 2024 e 305.000 euros máis que en 2023. O ano pasado, 793 menores foron beneficiarios de bolsas de comedor escolar na modalidade de escaseza de recursos e 272 na modalidade de conciliación; 601 nenos e nenas recibiron a axuda para actividades extraescolares, e 272 menores recibiron apoio económico para a adquisición de material escolar.