Na súa valoración, o xurado destacou que ‘La visita’ é un «álbum ilustrado perfectamente construído que nos achega a un concepto tan abstracto como é o silencio. Nunha sociedade como a actual, saturada de ruído, de contaminación sonora, a reivindicación de momentos de silencio e de soidade é cada vez máis necesaria».
Segundo o fallo, o texto de Núria Figueras ten unha «gran calidade literaria» e «preséntanos a visita do silencio -personificado- á casa onde vive un pequeno raposo. A narración, áxil e tenra, logra que o lector ou lectora se reencontre coa súa propia esencia».
O xurado tamén salientou o rexistro gráfico de Anna Font que «é dun cromatismo desbordante e cheo de matices» no que «o silencio móstrase cunha síntese efectiva, plena de expresividade» e no que «a ilustradora domina á perfección á arte secuencial do álbum e a construción do discurso narrativo».
Anna Font
Artista vocacional, autodidacta, iniciase na pintura e no debuxo da man de Agustí Roca e Núria Balcells. Máis adiante fórmase na Escola de la Dona e no Centro Universitario de Deseño e Arte de Barcelona (EINA).
Recibiu o Premio de Albúms Ilustrados Vila de Térmens (2021) e o Premio da Crítica Serra d’Or (2020). Foi seleccionada como finalista na Feira de Boloña durante dous anos consecutivos, no 2020 e no 2021.
Tamén publicou en prensa para revistas infantís e xuvenís como El Tatano, Cavall Fort,e Pantera, de Savanna Books, e traballou ilustrando libros escolares e de texto, para editoriais como Teide e Edelvives.
Na actualidade, compaxina o seu traballo como ilustradora coa docencia, impartindo cursos de ilustración e obradoiros para escolas, centros cívicos e, na actualidade, dende o seu propio espazo.
Nuria Figueras
É licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Autònoma de Barcelona. Traballou en diversas editoriais e actualmente é a editora da revista infantil El Tatano, o Cavall Fort dels petits.
Sempre se interesou pola literatura infantil e publicou varios contos para nenos e nenas. No ano 2002 gañou o premio Mercè Llimona coa obra El senyor Jeroni i les sardines, e no ano 2003 o premio Comte Kurt con El mitjà. Tamén publicou moitos contos e algunas poesías na revista El Tatano.
Actividades paralelas
Como vén sendo habitual, coincidindo coa data de entrega do Premio Compostela, a autora premiada mantivo onte unha sesión co alumnado do IES de Sar e do CIFP Compostela para coñecer de primeira man o proceso de elaboración do álbum, as técnicas utilizadas, as fontes de inspiración, a traxectoria profesional, etc.
Obras premiadas en anteriores edicións
A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca». Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Alejandro. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum
«O can de Milu». Na edición seguinte resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880». Marina Gibert, con «Selva», foi a gañadora en 2021. Na pasada convocatoria o premio foi para «Esperando o amencer», da artista peruana Fabiola Anchorena.